28/1/08

COMUNICADO DA CIG



A TODOS OS/AS TRABALLADORES/AS DOS BINGOS DE GALIZA
ASINADO O NOVO CONVÉNIO DE BINGOS

O pasado 24 de xaneiro, o sindicato UGT e a patronal dos Bingos de Galiza asinaron na sede do Consello Galego de Relacións Laborais o novo convénio do sector para os anos 2007, 2008 e 2009. Este acordo, como xa sabedes, chega precedido dun preacordo realizado o pasado 10 de xaneiro, no cal xa se marcaban os aspectos fundamentais que o novo convénio contempla.

Antes de valorar o que en sí aporta este Convénio, compre facer unha reflexión sobre o que foi todo o proceso negociador. Como xa sabedes, e por primeira vez na história deste Convénio, houbo plena unidade de acción sindical, elaboramos unha Plataforma Sindical Unitária, fomos capaces de que se contara coa opinión dos traballadores do sector, realizamos asembleas en todas as comarcas, etc. Entre todos, marcamonos uns obxectivos ambiciosos, e nos chegamos a plantear con seriedade a posibilidade de mobilizarnos e convocar folga para acadar un bó Convénio.

Chegamos, incluso, a convocar unha rolda de prensa e publicar a nosa intención de mobilizar ao sector, rachando as negociacións coa Patronal. Cando todo estaba previsto, atopámonos con que os “asesores” da UGT se marcharon de “vacacións”, anulando así a posibilidade de iniciar as mobilizacións no Nadal, cunha convocatória de paro para o dia de Reis, coa incidéncia que isto poderia ter ao ser unha data importante para as empresas. O regreso das “vacacións” da UGT coincide coa convocatória dunha nova xuntanza de negociación para o 10 de xaneiro, sen dar tempo a que teñamos unha xuntanza da parte sindical para concretar as medidas de protesta. E para o noso asombro, o dia de 10 de xaneiro, a UGT se desmarca completamente de todo o falado e acordado, e en solitário, e facendo uso da maioria que ten actualmente no sector, asina o Convénio exactamente igual á última proposta da Patronal que foi rexeitada por todos, coa única diferéncia dun 0,5% máis de incremento para cada un dos anos de vixéncia do Convénio.

Non podemos entender como é posíbel facer algo así. Non podemos entender que a UGT faga as asembleas cun discurso totalmente diferente, que rompamos as negociacións coa Patronal, que convoquemos unha rolda de prensa, que anunciemos a folga, e que quince dias despois, e sen facer nada, se asine un Convénio coa única diferéncia dun 0,5% máis por ano. Acaso iamos ir á folga por un 0,5%?. Por tan só 5 euros ao mes?. Por qué non se consultou esta decisión cos traballadores do sector?. A sensación que nos queda é sinceiramente que se nos estivo tomando o pelo. Para este convénio, era totalmente innecesário facer o que fixemos. Foi un auténtico engano.

Comprobado o texto final do convénio, observamos ademais que non se respetou para nada o acordado na Plataforma. O plus de preséncia evita que as empresas teñan que dar calzado, cousa que antes si tiñan que facer. Limitaron as ceas a tan só duas por semana, cousa que en ningún momento se falou na Mesa de Negociación. Unha auténtica estafa. Un fraude. Isto foi do que se esqueceron :
-Non se define cando se poden usar as empresas de traballo temporal
-Asínase á baixa a porcentaxe mínima de contratos indefinidos nas plantillas de persoal ( o actual supera ó asinado )
-Non se intervén contra o uso da máquina que canta as bólas
-Non se reduce a xornada laboral anual
-Renúnciase á obligatoriedade de libranza dun número de fins de semana ao mes
-Renúnciase ao cobro dun plus económico por traballar en días festivos
-Renúnciase á prestación do servizo de parking naquelas salas que o ofertan aos clientes
-Renúnciase a que non se permita a movilidade funcional nin xeográfica
-Renúnciase a ampliar as licenzas retribuidas en varios supostos
-Non consideramos beneficioso o concepto de plus de calzado tal e como quedará redactado.
-Renúnciase completamente a calquera mellora en temas de saúde laboral
-Renúnciase ao que realmente supón o concepto de nocturnidade no salario e ó seu cobro real
-Renúnciase a unha subida económica de acordo ao aumento de beneficios acadado polas empresas.

E por encima de todo, renunciaron a pelexar por algo que unira a todos os traballadores do sector, a nocturnidade. Agora, diante desta situación, tan só nos queda que de cara ao seguinte Convénio, sexamos capaces de evitar que a UGT teña a maioria no sector. Quedou máis que demostrado que con este sindicato nunca imos ser capaces de acadar un bó Convénio.

Desde a CIG, queremos dar-lle as gracias a todos os traballadores do sector que honestamente participaron nas asembleas e se mobilizaron para mellorar as suas condicións de traballo, e especialmente aos delegados da CIG que participaron da Negociación, aos compañeiros do Bingo Anabinser de Compostela e do Royal Vigo. Foron eles quenes levaron o peso do traballo, foron quenes coordenaron a nosa actuación sindical, e a eles lle debemos a coherente posición da CIG.

1 comentario:

Anónimo dijo...

a ver si nos espabilamos, hay que seguir dando caña en las empresas sobre todo a los de la ugt