23/10/07

Estado da negociación

A TODOS/AS OS/AS TRABALLADORES/AS DOS BINGOS DE GALIZA

Desde o pasado mes de setembro esta-se a negociar o Convénio Colectivo Galego de Bingos en Santiago de Compostela. Nesta Negociación, estamos a participar os sindicatos CIG e UGT, xa que o sindicato CCOO non quixo estar presente na Mesa de Negociación, sen que poidamos explicar os motivos xa que non foron dados. Desde un primeiro momento, a CIG e a UGT decidimos actuar conxuntamente, e así apresentamos unha Plataforma de Negociación unitária.
Das catro xuntanzas que levamos, de momento acadamos os seguintes acordos :

- Revisión salarial automática sobre IPC ao remate da vixéncia do Convénio.
- Promoción profesional na empresa con consulta á representación sindical.
- Os traballadores a tempo parcial terán preferéncia nas novas contratacións.
- Cea con cargo á empresa durante a xornada laboral nocturna.
- Aumento de 5000 euros no seguro colectivo por falecemento ou invalidez.
- 2 dias de Permiso Retribuido por divórcio.
- Acumulación da hora de lactáncia a 16 dias.
- 15 dias de licéncia non retribuida.
- Posibilidade de desfrutar o permiso por enfermidade de familiares nos 15 dias seguintes.
Como vedes, de momento avanzamos algo na parte social do Convénio, quedando pendente a parte máis importante do Convénio, a económica. Neste apartado tanto a CIG como a UGT fixemos unha proposta unitária, baseada en catro pontos fundamentais :

1º.- Establecimento dun Plus de Nocturnidade do 25% do salário base por cada hora traballada entre as 22:00 e as 06:00 horas. Dada a importáncia económica desta suba, propuxemos acadar ese 25% en vários anos, para que sexa realidade esta proposta.
2º.- Cotización do Plus de Transporte, incorporando esa cuantia no salário base.
3º.- Establecimento dun Plus por Festivo Traballado.
4º.- Establecimento dun Plus de Presencia de 30 euros mes para compensar os gastos de médias, calzado, maquillaxe.
Unha vez teñamos a resposta destes catro pontos, realizaremos a proposta de suba anual, para un Convénio a tres anos se aceptan estas propostas económicas (2007-2008-2009). Como vedes, estamos diante dunha negociación importante que pode beneficiar ao conxunto do sector, polo cal é necesário que o sector estea informado e apoie a actuación da Mesa Negociadora, e poder acadar un obxectivo histórico como é a Nocturnidade. Desde a CIG creamos unha páxina Web na cal actualizamos permanentemente as novas da negociación, e na que temos información sobre o sector. Este é o enderezo : http://www.bingogalicia.blogspot.com/
SEGUIREMOS INFORMANDO